Os 200 participantes no Seminario de Loxística mergulláronse no Big Data

xoves, 23 de maio do 2019 Redacción

Este mércores celebrouse na Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo a 27 edición do Seminario de Loxística, unha reunión de traballo na que participaron arredor de 200 persoas, entre profesionais e estudantes. Os temas a tratar foron moitos e variados, pero houbo unha cuestión que focalizou boa parte dos asuntos abordados: a cuestión da información a gran escala e os métodos intelixentes para xestionala, almacenala, tratala e tirar dela conclusións de valor. Tanto para mellorar o día a día dos cidadáns e das empresas como para impulsar todo tipo de proxectos de investigación científica e tecnolóxica.
Asemade, afondouse nun tema moi relacionado co devandito: as cousas que son propias da Industria 4.0. Segundo se lembrou, a globalización económica e a Industria 4.0 traen consigo retos, cambios de paradigma e a adaptación a novas tecnoloxías para todos os actores implicados no tecido industrial, incluíndo os departamentos de loxística e xestión da cadea de subministro.
O evento, organizado polo Grupo de Enxeñería de Organización, é, en palabras do director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan E. Pardo, “un clásico, un punto de encontro onde temos a oportunidade de compartir experiencias que sirvan de inspiración nos nosos proxectos”, polo que felicitou ao profesor Jose Carlos Prado, responsábel da organización.
Como dixemos, esta edición centrouse no Big Data e nos retos da loxística na contorna da Industria 4.0. Deron conta das súas experiencias con estas tecnoloxías os representantes de consultoras como PricewaterhouseCoopers e empresas como GKN Driveline Vigo, Vegalsa-Eroski.
A primeira das conferencias, sobre a aplicación de análise de información a gran escala na xestión das cadeas de subministro, correu a cargo de Aníbal Vian, egresado da EEI da UVigo e hoxe responsábel de operacións de PricewaterhouseCoopers (PwC). Na súa intervención abordou a importancia do Big Data no ámbito da cadea de subministro das empresas en diferentes eidos, “xa que a loxística non se refire unicamente a cousas materiais, senón que moitas veces trátase de intanxíbeis que tamén se mercan en sectores como a banca”.
Seguindo coa temática central da edición deste ano, Jorge Ortega, enxeñeiro de Loxística en GKN Driveline Vigo, presentou un relatorio titulado Una experiencia de implantación de AGVs para dar servicio a las líneas de produccción, centrado no emprego de vehículos de guiado automático nas cadeas produtivas das empresas.
A xornada completouse coa intervención de Fernando Casal, director de Loxística en Vegalsa-Eroski, cunha conferencia sobre retos e desafíos de loxística no grupo, e Miguel Carballás e Jorge Yañez, responsábeis de produción e I+D+i en Partenón, empresa galega referente no deseño e confección de vestiario técnico para corpos e forzas de seguridade, que explicaron o proceso de implantación e mellora de indicadores e captura de datos na compañía.

PUBLICIDADE