Os 20 proxectos preseleccionados para a aceleradora de R defenderon a súa viabilidade e utilidade

xoves, 7 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A aceleradora de R de proxectos de contidos dixitais, DiCo Challenge, subiu hoxe un novo chanzo en materia de visualización, actividade e evolución. Estamos a falar do seu Pitch Day, un evento no que se xuntaron as e os responsábeis dos proxectos (20) innovadores preseleccionados para participar na palestra de R, que tiveron ocasión de defender cadansúa proposta (salientando potencial, viabilidade e utilidade) ao abeiro dos cinco retos lanzados en decembro. A cita de hoxe foi na Cidade da Cultura e nela participaron Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o director de Innovación e Desenvolvemento de Produto de R e do Grupo Euskaltel, Javier Rodríguez Gil e máis Xosé Pereira, director de Innovación da CRTVG.
Como lembraremos, as 20 propostas defendidas hoxe foron elixidas polo comité avaliador do programa Startups R DiCo Challenge, no que, amais da operadora de cable galega, tamén participa a axencia AMTEGA. O comité, de feito, está formado por dous representantes de R, dous da AMTEGA e máis un da CRTVG, patrocinadora dun dos retos. As 20 iniciativas preseleccionadas están ligadas a algún dos cinco retos tecnolóxicos que foron lanzados en decembro pola operadora galega.
A directora da AMTEGA, Mar Pereira, lembrou que “startups R Dico Challenge enmárcase no Plan Dico Mindset para promover o sector dos contidos dixitais en Galicia; unha estratexia impulsada dende a Administración autonómica en colaboración co Clúster TIC e do Audiovisual de Galicia para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina arredor de 900 empresas con preto de 5.400 empregados”.
Javier Rodríguez Gil, director de Innovación de R e do Grupo Euskaltel, salientou que “é unha satisfacción chegar a este punto de desenvolvemento do programa e poder concretar, dentro de pouco, que cinco ideas, das 20 que hoxe participan na xornada de pitching, pasan definitivamente á fase de aceleración. Hai moito potencial e variedade de proxectos polo que auguramos que a decisión do comité non será doada”.
Pola súa banda, Xosé Pereira, director de innovación da CRTVG, incidiu en que “a CRTVG debe apostar pola innovación e participar activamente na transformación dixital do sector audiovisual galego. Acordos coma este van nesta boa dirección e esperemos que haxa moitos máis”.
Ao longo da mañá, e divididos en dúas quendas, os vinte participantes foron expoñendo as súas propostas nun máximo de 5 minutos, tempo de que dispuxeron para explicar, defender e convencer das vantaxes da aplicación da súa idea e do modelo de negocio que teñen previsto para desenvolvela.
Para o reto 1, Enriquecemento de retransmisións de eventos deportivos, foron escollidos dous proxectos: a empresa Sixtema propón unha segunda pantalla intelixente para a visualización de contidos mentres que M. International Audiovisual aposta por unha rede de adquisición de partidos de fútbol base. No reto 2, Aplicacións para Android TV, está, por exemplo, un proxecto de Cuicui Studios que propón unha aplicación de xogos brain training; e no reto 3, Contidos formativos e divulgativos innovadores, Adivina defende unha plataforma de realidade virtual para espectáculos culturais. No reto 4, Big Data aplicado ao consumo televisivo, figuran, entre outros, os proxectos de Muutech Monitoring Solutions, apostando por un sistema de monitoraxe integral para xestores de contidos dixitais; o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), que propón Big Data para o consumo audiovisual, e Mario Pérez Fernández (Galopiño), con outra idea de visualización da datos a gran escala aplicada ao consumo televisivo.
Algunhas das propostas do reto aberto son a de Sun Global Network, que concorre cunha multiplataforma de contidos especializados en motor, Imagames Gamification Services, cunha plataforma gamer para a experiencia audiovisual en R; Doc Hub, que propón un servizo de documentais e contidos de divulgación científico-tecnolóxica; Xoia Software Development e a súa proposta sobre contidos televisivos de realidade virtual ou Alexandre Fernández Pita (Vas caer!), que defende un concurso transmedia.
Trala xuntanza do comité avaliador coñeceranse en vindeiros días os 5 emprendedores e/ou empresas escollidos para pasar á fase de aceleración e completar ese último treito do programa de startups R DiCo Challenge para este ano. Logo darán comezo as actividades de asesoramento, formación e seguimento durante 4 meses (18 de marzo-19 de xullo). Os elixidos terán á súa disposición cadanseu mentor e a axuda económica da AMTEGA para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos. Tamén poderán utilizar en todo intre o espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura con este fin, traballarán man a man con R, terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo. Ademais, R converterase para eles nun potencial primeiro cliente e nun “trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado”, sinala a firma de cable galega, engadindo que “quen desenvolvan o reto patrocinado pola CRTVG contarán, pola súa banda, cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas”.
Amais, a primeira edición de startups R DiCo Challenge pecharase cunha xornada Demo Day a finais do verán, onde os cinco participantes mostrarán os avances acadados. Finalmente abrirase, para os proxectos, un período de saída progresiva da aceleradora.


PUBLICIDADE