Ori and the Will of the Wisps estrea versión para Nintendo Switch

venres, 18 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Esta semana Nintendo celebrou un dos seus habituais vídeos de presentación de novidades, desta volta en formato reducido e dedicada a xogos de estudios alleos, amosando xogos como Monster Hunter Rise, Hades, The Long Dark, Fitness Boxing 2: Rhythm & Exercise e Empire of Sin, que precederon ao anuncio dun lanzamento moi especial: Ori and the Will of the Wisps, a segunda entrega dunha fermosa aventura de Ori que inicialmente saíra á venda para Xbox e PC ao ser un xogo editado por Microsoft, de aí que velo en Switch sexa unha agradable sorpresa.
Os fermosos xogos de Ori son un produto preciosista moi pouco habitual, que en boa medida publicouse como un xeito de demostrar a riqueza do catálogo de Xbox, pero cómpre recoñecer que estamos ante un título moito máis acaído no catálogo de Nintendo Switch, no que este tipo de xogos son moi habituais e contan cun volume de público moi importante, de xeito que para moitos a nova versión do xogo vaia converterse en todo un imprescindible que, por fortuna, chega a un prezo comedido (véndese a 29,99 euros na Nintendo eShop).

Tráiler de lanzamento de Ori and the Will of the Wisps para Nintendo Switch

PUBLICIDADE