Organizan un concurso en liña de mensaxes de amor para dinamizar o galego na Rede
venres, 20 de abril do 2012
Con gallo da dobre celebración, o 17 de maio, do Día das Letras
Galegas e do Día da Internet, as consellerías de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria e de Traballo e Benestar, a través da Secretaría Xeral
de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, respectivamente, presentaron
hoxe en rolda de prensa o concurso de declaracións de amor en galego vía
internet Lingua de namorar.
Os obxectivos da nova iniciativa son fomentar a
participación en galego da mocidade, aumentar a presenza do noso idioma en
internet e animar ao seu uso nas relacións interpersoais, de acordo co
establecido polo Plan xeral de normalización da lingua galega nos ámbitos da
mocidade e das novas tecnoloxías.
O
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recordou durante a
presentación que o galego é actualmente “a
lingua que preferimos para falar coa xente que queremos: os amigos, a familia,
as persoas que temos preto”, mais que pode ser tamén “a lingua que usemos para dirixirnos a persoas descoñecidas e iniciar
relacións novas que, se comezan en galego, se manterán en galego”. García
Gómez destacou tamén que o noso idioma, “que
foi lingua de namorar na Idade Media, pode seguir séndoo hoxe e esperamos que
así o entenda a mocidade galega”. Neste sentido, indicou que “o prestixio literario que tivo e ten a
lingua galega debe complementarse co que hoxe ofrecen outros medios, coma
internet”.
Ata o 17 de maio, os mozos e mozas que queiran
participar poderán inscribirse e colgar as súas declaracións, de menos de 350
caracteres, na
páxina web do concurso, onde se poden consultar as súas bases. Todas as
declaracións serán alí visibles, onde figurarán de forma anónima, para que, a
partir do Día das Letras Galegas e Día de Internet, as persoas que o desexen
poidan votar polas que máis lles gusten.
Neste mesmo senso, Ovidio Rodeiro, director xeral de Xuventude e Voluntariado, fixo fincapé en que a promoción do idioma galego é necesaria e, por iso, lembrou que é unha das prioridades da primeira Lei de Xuventude de Galicia.
As bases establecen dúas categorías (unha para mozos de 14 a 19 anos e outra
para mozos de 20 a 35) e tres premios por categoría consistentes en produtos tecnolóxicos
coma un iPad, unha Wii ou un lector de libros electrónicos, entre outros.
- Valentín García e Ovidio Rodeiro durante a presentación do concurso