Ordes convoca unha charla sobre a Situación actual do galego en Internet

luns, 5 de maio do 2008 Raquel Noya

O Centro Comarcal de Ordes, en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información ten programado, para o vindeiro día 15 de maio, unha charla sobre a Situación actual do galego en Internet, que terá lugar, precisamente, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas e o Día de Internet (17 de maio).
A charla, que se levará a cabo no Centro Comarcal de Ordes, contará coa participación de Camilo Regueiro López (Vicepresidente da Asociación PuntoGal), Carlos G. Meixide (Autor de O home inédito), Ramón Vilar Landeira (Director de Vieiros) e Victor Fresco Barbeito (Editor da Galipedia).
Con esta iniciativa, a Rede de Dinamización da Sociedade da Información pretende concienciar aos participantes no emprego do galego aplicado ás novas tecnoloxías, dar a coñecer a realidade da nosa lingua na Rede e potenciar a súa presenza na mesma.
O acto terá lugar no Centro Comarcal de Ordes entre as cinco e as sete da tarde.
Os interesados poden atopar máis información na web da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, un organismo que conta con 100 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega que desenvolven actividades de alfabetización dixital dirixidas a distintos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.

PUBLICIDADE