Orcs must survive! dispoñible de balde para plataformas móbiles

venres, 13 de xullo do 2012 Raquel Noya

Echoboom, unha empresa española dedicada ao desenvolvemento de Apps para móbiles, posta a andar aínda a comezos deste ano, vén de estrear o xogo de estratexia Orcs must survive!, que xa se pode descargar en móbiles e tabletas de última xeración, totalmente de balde.
O obxectivo do xogo é permitir que os orcos sobrevivan á maldade do seu rei, de maneira que os e as xogadoras teñen que botar man da súa astucia e da súa habilidade para conseguilo.
Máis polo miúdo, o que hai que facer é acompañar a estes personaxes fantásticos do medievo na súa loita contra as tropas reais, para recuperar a felicidade que lle roubaron cun feitizo; unha trama que garante entretemento, diversión e desenvolvemento das capacidades emocionais do usuario por igual.
Trátase dun xogo de estratexia, deseñado para maiores de 10 anos, que mide a destreza dos usuarios e usuarias e a súa capacidade de resposta ás adversidades. A dificultade vaise incrementando a medida que se superan os niveis, xa que iso tradúcese en máis obstáculos, porén tamén en máis armas, tropas e fantasmas coas que vencer ao inimigo.
A aplicación xa está dispoñible en Apple App Store e Google Play Android para a súa descarga de balde.
A firma, por certo, dispón doutras aplicacións para móbiles moi interesantes, como unha calculadora financeira e unha ferramenta que permite dividir, de xeito doado, o custe dunha comida con amigos, tendo en conta a propina.

PUBLICIDADE