Orange introducirá tons de espera publicitarios compartindo os beneficios cos seus clientes

venres, 18 de abril do 2008 Marcus Fernández

O vindeiro luns a operadora de telefonía móbil Orange vai lanzar en España o seu servizo Promo Tonos, que retribuirá economicamente os seus clientes que cambien os tons de espera das chamadas por melodías relacionadas con campañas publicitarias que eles elixan.
Os tons procurarán ser graciosos ou con cancións que aparezan en anuncios de televisión ou radio, de xeito que procurarán que non sexan mensaxes moi agresivas para os usuarios, recibindo o cliente tanto de contrato coma de prepago un desconto na súa factura que serán maior cantas máis chamadas reciba (por xerar máis anuncios).
Podemos escoitar na web de Orange o Promo Tono inicial deste servizo, que anunciará o produto Fusión (da propia compañía), agardando que os anunciantes sexan grandes compañías internacionais con capacidade para lanzar campañas multimedia. Os tons de chamada publicitarios deberán ser curtos e efectivos, pois normalmente os usuarios contestan unha chamada nun tempo de entre 10 e 45 segundos, o que deberá ser suficiente para transmitir a mensaxe promocional.
España servirá de laboratorio mundial deste novo soporte publicitario.

PUBLICIDADE