Orange estrea a Tarifa Plana Naveghable

venres, 9 de maio do 2008 Marcus Fernández

Orange lanza a nova Tarifa Plana Naveghable, que é a primeira tarifa plana do mercado que permite falar a 0 euros con todos os destinos nacionais, fixo e móbil, de 18 a 8 horas de luns a domingo (no resto de horarios custarán 21,6 céntimos/minuto) e navegar pola Internet a 24 horas dende o móbil por unha cota mensual bastante axustada (29 euros) que se comezará a ofrecer dende o vindeiro luns.
A navegación de Internet estaría limitada a unha transferencia de 500 Mb sen límite de conexións, e tamén permitiría o acceso ao correo electrónico e a Orangeworld (o portal de Internet móbil da operadora).
Os clientes que contrate esta nova tarifa poderán aproveitarse dunha promoción que lles achegará ata 300 euros en servizos de música, televisión, videoxogos, videochamada e mensaxes multimedia durante un mes, tralo que tamén poderán contratar unha tarifa plana de televisión móbil por 6 euros/mes.
Orange tamén achegará aos clientes desta nova tarifa a posibilidade de adquirir por entre 29 e 129 euros terminais coma o LG KU990, os Nokia N95 e 6500, o Motorola V9 ou o Sony Ericsson W910i.

PUBLICIDADE