Optare Solutions, elixida para deseñar a API común de estandarización da fibra óptica almacenista en Polonia
xoves, 9 de outubro do 2025
Optare Solutions, consultora de servizos de Enxeñería e TI con sede en Vigo, foi seleccionada por catro das principais operadoras almacenistas de fibra ata o fogar (FTTH) de Polonia para deseñar unha API común (Interface de Programación de Aplicacións). As firmas Fiberhost, Nexera, Polski Światłowód Otwarty e Światłowód Inwestycje impulsan esta iniciativa colaborativa co obxectivo de estandarizar as comunicacións almacenistas de FTTH no país europeo.
Dende a firma galega informan que o deseño deste estándar de comunicación agárdase que estea dispoñible de forma pública e sexa de adhesión voluntaria para todos os operadores do mercado. Engaden que “a creación desta API común é un paso estratéxico que permitirá reducir de maneira significativa o tempo e os custos de integración para os novos provedores de servizos da Internet (ISPs) e wholesalers, facilitando tamén a axilización dos procesos de acordo e a aceleración das vendas e reducindo así as barreiras de entrada e fomentando unha maior competencia no mercado polaco da fibra”.
O aplica as API Abertas de TM Forum (TM Forum Open APIs), un marco de referencia recoñecido internacionalmente na industria das telecomunicacións, o que garante, segundo subliña Optare, “que a solución sexa moderna, adaptable a cambios e demandas e que estea aliñada coas mellores prácticas globais do sector, centrándose en operacións clave como o aprovisionamento, as probas e a xestión de incidencias (ticketing) do servizo”.
Para os abonados, esta iniciativa tradúcese directamente nun mercado máis dinámico e competitivo, o que acabará por reflectirse en mellores ofertas de servizo, maior liberdade de elección e solucións máis innovadoras.
“Este esforzo conxunto subliña o noso compromiso para fomentar un mercado FTTH máis eficiente e competitivo en Polonia. Asociarnos con Optare Solutions permitiranos estandarizar nosas APIs actuais, o que beneficiará a todos os participantes e impulsará a innovación en todo o sector. O estándar estará dispoibles sen custo para todos os actores do mercado”, sinalaron os representantes dos catro principais almacenistas polacos de FTTH (Ignacio Irurita, CEO de Polski Światłowód Otwarty; Marta Wojciechowska, CEO de Fiberhost e presidenta do Management Board de Open Allies Foundation; Magda Russyan, CEO de Światłowód Inwestycje; Jacek Wiśniewski, CEO de Nexera).
Pola súa banda, Luis Alves, director xeral e director de Desenvolvemento de Negocio EMEA de Optare Solutions, sinalou que este acordo "reafirma a nosa posición como partner tecnolóxico de referencia no sector FTTH a nivel europeo. O noso coñecemento do mercado almacenista polaco permítenos deseñar un estándar que non só optimiza a eficiencia operativa dos wholesalers, senón que tamén asegura que os usuarios finais se vexan beneficiados dun ecosistema máis rápido e competitivo".
Optare Solutions foi seleccionada para este proxecto de consultoría pola súa experiencia especializada en telecomunicacións e o seu enfoque no deseño dunha API que maximice a reutilización das interfaces existentes, incorporando os máis altos estándares. O proxecto de consultoría inclúe unha metodoloxía estruturada con análises exhaustivas e a participación activa das operadoras para o deseño exitoso do estándar unificado.
