Oppo presenta unha cámara para móbiles cun zoom de 10x

domingo, 24 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Nun momento no que os fabricantes de smartphones apuntan ao 5G e ás pantallas encartables, dende Oppo quixeron chegar ao Mobile World Congress presumindo dunha tecnoloxía da que veñen adiantando detalles moitos meses, e que por fin está lista para o público: un zoom de 10x sen perda de calidade para dispositivos móbiles.
Deste xeito, pronto veremos no mercado smartphones que leven a súa cámara traseira tripla un paso máis aló, por incluír até 10 aumentos no seu teleobxectivo (que realmente traballaría con distancias focais de entre 16 e 160 milímetros), en vez dos 2 aumentos habituais, para o que tamén é preciso integrar tecnoloxía de estabilización óptica de imaxe, para conseguir imaxes estables e facilitar que os usuarios poidan capturar detalles que até o momento non podían recoller coas súas cámaras por mor da distancia.
Oppo tamén confirmou que está preparando smartphones con procesador Qualcomm Snapdragon 855 e modem 5G, de xeito que conseguen estar á última en tecnoloxía, e terán un segundo trimestre do ano moi movido, con lanzamentos moi interesantes integrando estas últimas innovacións.
Cómpre lembrar que esta compañía ten a mesma matriz que OnePlus, polo que non sorprendería que algún dos vindeiros modelos de móbil desta marca poidan equipar unha das revolucionarias cámaras con zoom de 10x.

A presentación da nova cámara para dispositivos móbiles de Oppo está a captar moitas miradas na cita tecnolóxica de Barcelona

PUBLICIDADE