Oppo presenta un sistema de carga rápida a 125 watts

mércores, 15 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Comezamos a semana dando conta de que iQOO conseguiu desenvolver un sistema de carga rápida para móbiles de 120 watts, e agora Oppo fai o mesmo e amosa en acción a súa tecnoloxía Flash Charge de 125 watts coa que conseguen cargar un móbil cunha batería de 4.000 mAh en 20 minutos. Esta tecnoloxía podería conseguir a carga en só 13 minutos, pero decidiron limitar a temperatura máxima da batería en 40 graos centígrados, o que fai que a carga vaia un chisco máis lenta, o que debería mellorar a seguridade do proceso e prolongar a vida útil da batería.
O novo cargador conseguiría completar o 41% da carga en só 5 minutos, o que xa supón un importante avance para moitos usuarios que busquen simplemente aproveitar unha pausa para conseguir carga dabondo para rematar o día tras unha xornada de uso intensivo do móbil.
iQOO e Oppo non son as únicas compañías que están a desenvolver sistemas de carga rapidísimos, e Xiaomi tamén entrou nesta carreira, prometendo unha carga rápida de 100 watts que podería chegar ao mercado en poucas semanas.
Cómpre lembrar que estes sistemas de carga rápida fan cada vez máis importante o uso de cargadores orixinais adquiridos a través de canles de venda fiables, xa que as cargas a alta velocidade poden resultar perigosas, e xa temos demasiadas incidencias ao longo dos últimos anos confirmando que boa parte dos incendios de baterías de móbiles son culpa de cargadores de baixa calidade.

PUBLICIDADE