Opirata.com pon á venda o Xiaomi Mi4 con garantía española e servizo técnico en Galicia

venres, 18 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que os consumidores son cada vez máis receptivos á hora de facerse cun smartphone importado directamente de China, co risco que iso supón, moitos son máis prudentes e prefiren optar por dispositivos comercializados regularmente en Europa, de xeito que poden gozar de 2 anos de garantía, detalle moi importante cando se pretende conservar o terminal a longo prazo. Precisamente pensando niso hai tendas en liña como a galega Opirata.com que en vez de competir por prezos agresivos, buscan un valor engadido, e estes días incorporaron ao seu catálogo o Xiaomi Mi4, un smartphone que xa ten o seu tempo, pero que desta volta conseguiron adquirilo a través dun distribuidor europeo, o que permite gozar da mencionada garantía de 48 meses, e tamén cun detalle que agradecen os usuarios que non queren complicarse a vida: os menús e manuais veñen en español e o cargador incluído é europeo.
Outro detalle moi rechamante é que o distribuidor europeo que subministra os terminais de Xiaomi a Opirata.com ten contratado o seu servizo técnico a unha compañía de Santiago de Compostela, de xeito que podemos así mercar o atractivo smartphone a unha tenda en liña galega (a súa sede está en Bueu) e con soporte tamén galego.
Lembremos que o Xiaomi Mi4 é un smartphone moi atractivo, en boa medida por optar por unha pantalla IPS Full HD de 5 polgadas en vez de o popular tamaño de 5,5 polgadas, de xeito que resultaría máis cómodo na man para moitos usuarios. O terminal pode presumir dunhas elevadas prestacións grazas ao seu procesador Qualcomm Snapdragon 801 de catro núcleos a 2,5 GHz, gráfica Adreno 330, 3 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 13 Mpíxeles con sensor Sony IMX 214 Exmor RS e gravación de vídeo 4K, cámara frontal de 8 Mpíxeles, batería de 3.080 mAh, un grosor de 8,9 milímetros e un peso de 149 gramos.

O Xiaomi Mi4 presume dunha cámara de 13 Mpíxeles con sensor de Sony

PUBLICIDADE