Opera integra ChatGPT e ChatSonic

mércores, 22 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Tras anunciarse o mes pasado que o navegador web Opera ía integrar ChatGPT, chega a actualización a Opera na que integra tanto ChatGPT como ChatSonic, que figuran nos seus atallos laterais, así como a través dun botón na barra de enderezo no que pon AI PROMPTS e no que figuran ordes que poden mandarse a estes chats con intelixencias artificiais xenerativas, con funcións como resumir o contido dunha páxina web, indicar que é o máis importante dunha web, escribir un chío ou incluso crear un comentario cun ton provocador, o que podemos considerar que son funcionalidades que poden complementar axeitadamente a experiencia de navegación web.
Cando realizamos unha selección de texto nunha páxina web en Opera, aparte de funcións como a de copiar, vemos tamén unha serie de instrucións que podemos realizar aos chats de intelixencia artificial, como explicar o texto, empregalo como base dunha pregunta de concurso, facer un chiste ou incluso escribir o texto como se fose dito polo mestre Yoda de Star Wars.
Cómpre salientar que a incorporación de ChatSonic como alternativa a ChatGPT tamén resulta interesante, xa que esta plataforma tamén ofrece a posibilidade de crear imaxes mediante DALL·E e Stable Diffusion, pode integrar buscas en Google e tamén conta coa funcionalidade de converter o texto en voz.
Dende Opera pretenden seguir avanzando na integración da intelixencia artificial no seu navegador web, tendo incluso a intención de crear un modelo de linguaxe de seu para non ter que empregar tecnoloxías alleas.

A integración da intelixencia artificial chega incluso como menú contextual de selección

PUBLICIDADE