Onechanbara salta á Xbox 360

martes, 5 de agosto do 2008 Marcus Fernández

A curiosa saga de xogos de Onechanbara, na que dúas irmás se dedican a masacrar mortos viventes deixa finalmente de editarse en exclusiva para as consolas de Sony (estes xogos, coñecidos en Europa coma Zombie Hunters naceran na PlayStation 2) e a última entrega, Onechanbara: Bikini Samurai Squad sairá en exclusiva para a Xbox 360, mentres que para Nintendo Wii tamén se publicará Onechanbara: Bikini Zombie Slayers.


Trailer da película inspirada na saga de videoxogos de Onechanbara

Os xogos das irmás Aya e Saki parece que teñen bastantes seguidores, pois este ano incluso estrearon unha película de acción real (que polo momento só se puido ver no Xapón), e as súas entregas para as distintas consolas consisten principalmente en rematar a todo cando zombie se poña por diante, aínda que na entrega para Xbox 360 se melloran bastante os gráficos, o sistema de control (contando cada personaxe con variedade de movementos e armas) e incluso modo multixogador cooperativo (para loitar contra a praga de zombies con axuda dun amigo).
Onechanbara: Bikini Samurai Squad poderá xogarse en modo historia, modo libre, modo supervivencia e modo busca, permitindo tamén personalizar o armamento e as roupas das protagonistas, para darlles un aspecto personalizado. Este novo título para Xbox 360 chegará a finais de ano ao mercado norteamericano, descoñecéndose polo momento a data de lanzamento europea.


Un dos vídeos promocionais do lanzamento nipón do xogo

PUBLICIDADE