Olympus abandona o negocio das cámaras dixitais

xoves, 25 de xuño do 2020 Marcus Fernández

O mercado da fotografía dixital é altamente competitivo, especialmente despois da chegada dos smartphones, que reduciu considerablemente o nivel de uso da fotografía tradicional, e o dinamismo do sector provocou grandes cambios tecnolóxicos que forzan a grandes investimentos para poder manterse en primeira liña, sen conseguir sempre retorno dabondo, de aí que haxa compañías que tiren a toalla, como Olympus, que vén de anunciar un acordo con Japan Industrial Partners para vender o seu negocio de imaxe dixitial.
A operación concretarase o vindeiro 30 de setembro, poñendo peche a un negocio iniciado en 1936, e que actualmente tiña como grande expoñente as cámaras sen espello Olympus OM-D. Pese aos grandes esforzos da compañía, leva 3 anos consecutivos rexistrando perdas, de aí que decidisen desprenderse desa división da empresa, centrándose en áreas máis rendibles.
Japan Industrial Partners pasará a ser quen se faga cargo da marca Olympus, de xeito que teremos que agardar para ver o que fan coa mesma, aínda que confíase en que manteñan a marca viva, aínda que probablemente cunha presenza internacional moito máis tímida ou incluso reducindo a súa actividade a Xapón se atendemos ao que aconteceu coa marca de ordenadores portátiles VAIO de Sony, tamén adquirida polo mesmo grupo, e que permanece viva só no territorio nipon.

PUBLICIDADE