Olympe Emprende fomentará na nosa terra o emprendemento feminino, innovador e cooperativo

luns, 3 de outubro do 2022 S. P.

O Programa Olympe Emprende prepara importantes avances para impulsar o talento innovador e empresarial feminino da nosa terra. En concreto, trátase dun programa liderado por Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop destinado a apoiar o emprendemento en feminino “con valores e principios de economía social e solidaria en Galicia”. A fórmula é a formación con perspectiva de xénero, o acompañamento individual e colectivo e a conexión de experiencias emprendedoras a nivel local.
Olympe Emprende seleccionará iniciativas de Galicia, en palabras das tres entidades impulsoras “unha Comunidade con moito potencial na economía social e no emprendemento en feminino”. O programa vai dirixido a todas aquelas iniciativas emprendedoras de Galicia lideradas por mulleres que “estean arraigadas no territorio, que practiquen a intercooperación, garantan a democracia interna, incorporen a economía e o coidado feminista nas súas prácticas, promovan a diversidade na composición e participación e teñan en conta o impacto ambiental da súa actividade”.
Ofrecerase formación, capacitación tecnolóxica, acompañamento individual e colectivo, webinarios, xiras de emprendemento, sesións de intercooperación e a posibilidade de optar a un premio económico ás mellores iniciativas que permita dar un soporte á constitución de cooperativas no territorio lideradas por mulleres. O programa realizarase de xaneiro a xuño (2023), e valorará que as iniciativas teñan entre os seu obxectivos a consecución dun impacto social (como por exemplo a mellora do benestar do ser humano e a equidade social).
Pódense presentar iniciativas colectivas que se atopen nunha fase inicial (ideas de negocio que non se iniciasen e que se atopen nunha fase de desenvolvemento mínima, sen necesidade de que se definise ningún modelo de negocio).
Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop auspiciarán e formarán de xeito virtual aqueles proxectos seleccionados explicando o concepto de empresa da economía social e solidaria, os modelos de negocio, as técnicas da nova mercadotecnia e, tamén, as fontes de financiamento alternativas. Ao mesmo tempo levarase a cabo un acompañamento individual e colectivo de xeito virtual dos proxectos para axudar nas necesidades específicas de cada proxecto emprendedor.
Olympe Emprende pretende honrar a memoria de Olympe de Gouges, revolucionaria esquecida que, segundo lembran Tandem Social, Abeluria e Wazo, defendeu a igualdade entre o home e a muller en todos os aspectos da vida pública e privada e en 1791 redactou a Declaración dos Dereitos da Muller e a Cidadán.

PUBLICIDADE