Oculus Quest, o sistema autónomo de realidade virtual que chegará en primavera

mércores, 26 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O encontro sobre realidade virtual organizado por Facebook, o Oculus Connect 5 (OC5) serviu para presentar un dos produtos máis prometedores neste ámbito, o casco autónomo Oculus Quest, que ofrecerá 6 graos de liberdade (ou sexa, que o usuario poderá mirar e moverse en calquera dirección, como se estivese nun mundo físico) e chegará ao mercado na primavera de 2019 a un prezo de 399 dólares, o que podería supor un grande salto para a democratización desta tecnoloxía.
O casco Oculus Quest inclúe un par de mandos Touch, que permite interactuar cos mundos virtuais dun xeito natural, xa que así rexistran os movementos das nosas mans no espazo e permiten un nivel de control que resulta moi axeitado tanto para experiencias inmersivas como xogos ou manexo de interfaces.
Aseguran que no seu lanzamento Oculus Quest chegará con máis de 50 xogos e experiencias, estando xa previstas moitas máis e, ao non depender dun ordenador de alta gama nin precisar de incómodos cables, semella que teremos un produto moi atractivo que introduciría por fin á experiencia de o sector da realidade virtual leva anos agardando.
Oculus Quest contará co mesmo sistema de visualización que Oculus Go, ou sexa, unha pantalla de 1.600 x 1.440 píxeles para cada ollo, integrará son, e os seus mandos serán como os que se empregan en sistemas de escritorio.
Para poder percibir os espazo ao redor do usuario o casco contará con sensores de movemento e posición, así como de tecnoloxía de visión artificial aplicada para que non sexa precisa a instalación de sensores na habitación na que queiramos empregar o casco, o que supón unha grande comodidade e permite incluso levar o casco dun sitio a outro sen grandes problemas.
O máis semellante a este produto que podemos atopar na actualidade é o casco Lenovo Mirage Solo, que funciona coa tecnoloxía Daydream de Google, de xeito que só ten un mando de control bastante limitado e que polo momento non está a contar de moito apoio por parte dos desenvolvedores, de xeito que unha solución baseada nunha marca tan establecida como Oculus semella unha opción máis atractiva e con máis futuro.

Vídeo no que amosan as posibilidades de Oculus Quest

PUBLICIDADE