Ocosmos OCS-1 preséntase coma un curioso MID cunha pantalla de 4,8 polgadas

mércores, 15 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Durante o Intel Developer Forum (IDF) de San Francisco a compañía coreana Ocosmos deu a coñecer un prototipo dun dispositivo chamado OCS-1, que funciona coa nova plataforma de procesadores móbiles Oak Trail (concretamente cun procesador a 1,5 GHz cunha gráfica integrada Intel GMA600) e sorprende polo seu formato moi semellante ao dunha consola portátil de Sony, pero con prestacións propias dun MID coma conectividade Wi-Fi N e Bluetooth, almacenamento interno de 64 Gb, cámara frontal de 1,3 Mpíxeles para videoconferencia e cámara traseira de 3 Mpíxeles, teclado físico QWERTY que aparece tras deslizar a súa pantalla táctil capacitiva de 4,8 polgadas cunha resolución de 1.024 x 700 píxeles.
O Ocosmos OCS-1 tamén tería a ambos laterais unha cruceta dixital como ás das consolas de videoxogos, e incluso un pequeno control analóxico sobre a cruceta esquerda que lembra ao mando analóxico da PSP. Funcionaría co sistema operativo Windows 7 (algo bastante sorprendente para un dispositivo deste tipo) e aínda non está moi claro cal sería a súa utilidade, pois dá a impresión de que busca utilizarse con videoxogos, o que parece bastante arriscado, á vez que terá complicado competir con ultraportátiles e tablets, especialmente se temos en conta a sorte que correron os mini-ordenadores de OQO.


Vídeo publicado por Engadget sobre o novo prototipo de Ocosmos

PUBLICIDADE