Ocean´s pon a proba perante un grupo de usuarios a súa rede converxente de última xeración: Nexus

xoves, 1 de agosto do 2013 Fernando Sarasketa

A actividade da operadora galega Ocean´s en materia de novidades, lonxe de esmorecer, adquire cada semana novos repuntes. Este xoves fontes da empresa engadiron interesantes detalles sobre a presentación dun servizo/tecnoloxía que avanzamos os días pasados, a súa nova rede converxente de servizos de última xeración. Segundo puidemos saber, Ocean´s está acompañar o vindeiro lanzamento desta achega cunha exposición detallada dos seus efectos en usuarios. Trátase dun equipo de dez persoas nun emprazamento concreto onde tamén hai unha cámara e accesos á dita rede converxente. Ao fío disto, Ocean´s grava as impresións dos participantes sobre a tecnoloxía que teñen ao seu alcance. Estas son algunhas das opinións: “É diferente (...) É virtual (...) Só tes que conectarte a Internet (...) Non te tes que preocupar de nada (...) É nova (...) É o seguinte paso das telecomunicacións (...) É práctica (...) Ten de todo”.
Estas son as opinións dunha mostra de público obxectivo ao que se convidou a coñecer Nexus, a rede que presenta Ocean´s, que avanza que poderemos saber máis detalles sobre as vantaxes da nova infraestrutura de seu o vindeiro 2 de setembro, facéndonos participar a nós tamén (o resto da comunidade potencialmente usuaria) das súas facilidades e funcionalidades. Facilidades entre as que se inclúe o feito de termos ao alcance da man a xestión das nosas comunicacións desde calquera lugar. O único necesario é ter conexión a Internet, sinala a compañía. E engade: “O feito de que o cliente non estea en casa ou na oficina durante uns días non suporá ningún problema para que xestione as súas comunicacións e ferramentas de traballo; con Nexus será posible sempre e en calquera lugar; desde o móbil, desde o computador de sobremesa ou portátil, mesmo desde a tablet, o cliente terá absoluto control grazas á administración remota das funcionalidades Nexus; terá todas as ferramentas de xestión a un clic de distancia”.
Porén, a listaxe de vantaxes que vai subministrar Nexus aínda é máis longa e completa. Nas próximas semanas iremos descubrindo máis funcionalidades da nova rede converxente de última xeración de Ocean´s, que basea unha boa parte do seu potencial en unificar todos aqueles servizos que até agora funcionaban por separado.

PUBLICIDADE