ORWL, o mini-ordenador que só funciona con chave

xoves, 29 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Para os que buscan un equipo informático seguro a niveis bastantes extremos chega a través dunha campaña de micromecenado en CrowdSupply o primeiro ordenador fisicamente seguro de código aberto: ORWL. Estamos ante un mini-ordenador con forma redonda, cun diámetro de 13 centímetros, un alto de 3 centímetros e un peso de 400 gramos que integra un procesador Intel Skykale M3 (con opción dun procesador M7 con vPro), gráfica Intel 515 (son soporte de 4K), 8 GB de RAM, 120/480 GB de SSD (con cifrado automático en AES de 256 bits), saída micro HDMI, 2 portos USB-C, Bluetooth 4.1, Wi-Fi AC, un microcontrolador para manter a súa seguridade de xeito físico e un sistema de autentificación de usuario mediante NFC xunto cunha chave Bluetooth e un contrasinal.
Dito doutro xeito, este ordenador de pequenas dimensións, que pode adaptarse a case calquera escritorio, precisa dunha chave física para poder arrincar e desbloquear os seus contidos, de xeito que os contidos no seu interior estaría seguros ante miradas alleas e, de detectar manipulacións para acceder aos seus datos, procederá a un borrado total de toda a información almacenada incluso co equipo desconectado da corrente eléctrica.
Quen estea interesado neste nivel de seguridade, pode encargar xa o modelo máis básico do ORWL (cun procesador Skylake M3, 120 GB de SSD e sistema operativo Ubuntu) por 699 dólares (695 dólares cos gastos de envío incluídos), mentres que unha versión máis completa (cun procesador Skylake M7, 480 GB de SSD e Windows 10) custaría 1.099 dólares (1.051 euros cos gastos de envío incluídos) tendo que agardar os mecenas que apoien este proxecto até mediados de xaneiro para que lles remitan este curioso equipo.

PUBLICIDADE