Lois Oreiro presentará na Pobra o seu libro Os mundos de agora

venres, 20 de agosto do 2021 S. P.

O escritor e xornalista Lois Oreiro estará na Pobra do Caramiñal o vindeiro 27 de agosto para presentar o seu libro Os mundos de agora. A cita será ás 20.30 horas no cine Elma. Organiza o Concello coa colaboración da Asociación Cultural Barbantia, Ler Librerías e Editorial Galaxia.
No acto, ademais do propio autor, intervirán o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); e o neurocientífico Xoán Casto Rivadulla.
Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal as persoas interesadas en asistir deben realizar a súa reserva a través do teléfono de contacto 981 831 545.

A obra

Publicada por Galaxia, Os mundos de agora forma parte dunha nova colección de ensaio sobre temas de actualidade (Hoxeéhoxe) lanzada pola editorial galega. No seu libro, Oreiro reflexiona sobre o concepto de transhumanismo e insta a ter unha mirada crítica sobre os fenómenos de transformación tecnolóxica que nos rodean, e que pouco a pouco van mudando a sociedade até ter un impacto nas nosas vidas que non só era imposíbel de predicir hai varias décadas. Tamén pon o foco na progresiva desaparición das fronteiras entre o dixital e o humano, “un proceso que se vai ligar a necesidades como a saúde e o emprego”, e que poden levarnos a lexitimar unha radical transformación da intelixencia, os sentidos ou incluso as emocións.
Lois Oreiro (Zas 1966) é escritor e xornalista. Traballa na TVG. Licenciado en Ciencias da Información pola UCM, entre 1989 e 2004 foi reporteiro da CRTVG fóra de Galicia e de volta aquí alternou ese labor con colaboracións noutros medios audiovisuais. Publicou artigos en Grial, Diario de Pontevedra, La Opinión de A Coruña, Xornal de Galicia e Avui.cat. É autor do libro Xallas. Teoría da existencia e do poemario Uns ós outros.

PUBLICIDADE