O xornal en liña Galicia Confidencial converte aos seus seareiros en redactores

xoves, 13 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

O xornal electrónico Galicia Confidencial quere contribuír a acadar unha información o máis plural posible para a nosa terra. E faino comezando por onde lle toca de preto: no seu propio seo, poñendo en marcha un innovador servizo participativo que lles permitirá aos 2.500 usuarios diarios do dito medio a achega de novas redactadas por eles mesmos. O servizo, que estará en marcha dende este 14 de xaneiro, só require para darlle uso que nos rexistremos (de balde) en GC Aberto para logo conectármonos co noso nome de usuario. “Un proceso que leva menos de tres minutos”, informan dende GC, que quere dar cumprimento así á principal demanda achegada polos seus seareiros nunha recente enquisa, na que participaron case 1.000 persoas e na que se impuxo, como dixemos, a arela de participación directa e colectiva.
Para Galicia Confidencial, esta nova andaina en aberto ten potencial de abondo como para contribuír á democratización e o debate nos medios galegos, ultimamente privados da debida pluralidade, e máis logo da desaparición de A Nosa Terra (en formato papel) ou Vieiros.
O servizo, informan dende GC, está especialmente dirixido a asociacións ecoloxistas, colectivos de veciños, sindicatos, particulares que denuncian abusos urbanísticos, etc. “A partir de hoxe os seus comunicados poderán aproveitarse das 50.000 páxinas vistas que cada semana suma galiciaconfidencial.com”, engaden. A iniciativa responde a unha arela clara de independencia, o que non implica que non se someta aos textos achegados a un proceso de revisión co obxectivo de verificar se no seu seo se respectan as normas legais. A posta en marcha de GC Aberto súmase a unha longa serie de novidades abrolladas nos últimos tempos dende o xornal galego, como por exemplo a incorporación de vídeos exclusivos de Tingalaranga e de colaboradores de fotografía e de opinión. En virtude de todo isto, unha das principais consecuencias foi o medre da audiencia, que recentemente supero a liña dos 4.500 amizades na rede social Facebook.

PUBLICIDADE