O xogo musical Tap Tap Revenge superará o millón de usuarios

venres, 1 de agosto do 2008 Marcus Fernández

A ninguén da industria musical pasa xa desapercibida a importancia que teñen as descargas de temas musicais dentro de xogos coma Rock Band ou Guitar Hero, e agora podería entrar outro axente na ecuación, xa que o xogo Tap Tap Revenge para o iPhone e o iPod Touch comeza a cobrar peso e nas vindeiras horas vai chegar ao seu primeiro millón de usuarios (converténdose na 2ª aplicación para o iPhone en conseguir tal).
Entendemos así que máis de 1 de cada 6 usuarios cun iPhone co firmware 2.0 teñen instalado o xogo musical desenvolvido por Tapulous (compañía que xa desenvolvera unha aplicación non oficial para o iPhone que destacaba por permitir xogar cos temas musicais xa almacenados no dispositivo, o que agora non pode facer por imposición de Apple). O xogo permite a descarga de cancións de balde de autores independentes, e das que xa se descargaron 2,5 millóns, polo que as discográficas deberían comezar a ter en conta esta plataforma coma canle de promoción ou mesmo de venda (xa que os grupos poderían incorporar á App Store de Apple versións do xogo cos seus temas, ou sexa, que poderían facer coma Aerosmith co Guitar Hero pero a unha escala reducida).

PUBLICIDADE