O xogo galego The Waylanders loce teaser na Gamescom

venres, 23 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Os estudios galegos Gato Salvaje atópanse estes días na Gamescom, a meirande feira de videoxogos do mundo (cada edición adoita xuntar unha media de case 400.000 visitantes internacionais). Alí, neste prestixioso e referencial punto de encontro do sector, a empresa galega está a presentar The Waylanders, o seu máis recente proxecto e é probábel que o máis ambicioso e que máis expectación está a xerar entre seareiros de todo o mundo.
Na cita de Colonia (Alemaña), que se celebra até mañá, os estudos galegos deron a coñecer un teaser cinemático e máis un gameplay de The Waylanders. No teaser pódese ver un espazo referencial que ás galegas e os galegos nos toca ben de preto: a Torre de Hércules (no xogo, a Torre de Brigantia).
Na Gamescom, Gato Salvaje tamén informou que o equipo do departamento de guión conta coa presenza de Chris Avellone (Fallout, Star Wars: Jedi Fallen Order, Vampire: The Masquerade - Bloodlines 2) e que Inon Zur (Fallout, gañador dun premio Emmy e nomeado a tres premios BAFTA) será o lead music artist do proxecto.
The Waylanders, como lembraremos, é unha aventura ambientada ao redor do Camiño de Santiago, nas épocas celta e medieval, introducindo lendas e mitoloxías galegas para construír unha temática de espada e bruxería. O seu desenvolvemento arrancou en 2017, involucrando a 38 profesionais. O seu lanzamento está previsto para o primeiro trimestre de 2020. O xogo estará dispoñíbel tanto en PC como en consolas.

Tráiler cinemático de The Waylanders

Vídeo publicado co gallo da Gamescom no que podemos ver o xogo en acción

PUBLICIDADE