O xogo galego AR-K estrea os seus 2 primeiros episodios en Steam

luns, 21 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Tras un longo desenvolvemento e o lanzamento parcial do primeiro episodio da aventura gráfica AR-K, dende a coruñesa Gato Salvaje Studio decidiron redefinir o seu proxecto de videoxogo, cunhas miras máis ambiciosas, para o que recorreron a Kickstarter para conseguir financiamento adicional, trunfando no micromecenado grazas en boa medida por poder fichar ao guionista de comics Greg Rucka (Gotham Central, Whiteout e moitos outros comics de éxito) e á actriz de dobraxe Ash Sroka (Mass Effect), e finalmente hoxe é o día na que o xogo estréase en Steam como título descargable para PC que presenta os seus dous primeiros episodios (o primeiro episodio, publicado anteriormente, recibiu un importante lavado de cara, recollendo as melloras que presenta a súa segunda entrega) a un prezo de 7,99% (prezo promocional de lanzamento).
Pero este estudio coruñés non está a funcionar só grazas aos recursos propios e á achega dos seus seareiros, senón que tamén vén de conseguir un préstamo participativo convertible en capital de Xesgalicia, sociedade xestora de entidades de capital risco da Xunta de Galicia, que deste xeito apoia a campaña de espallamento internacional de Gato Salvaje, estudio independente que considera que tal operación financeira demostra o interese de Xesgalicia polo crecemento de Galicia en industrias de alto valor engadido, como son os contidos dixitais e, en particular, os videoxogos, que permiten o crecemento de postos de traballo nun sector mozo e con enorme potencial de crecemento futuro.
AR-K é unha aventura gráfica en 4 episodios, que tras esta re-estrea busca chegar a un amplo público global a través de tendas de aplicacións que non se limitan a Steam (con máis de 80 millóns de usuarios), senón que tamén apostará por plataformas de menor tamaño como Desura, Gamersgate, Windows Store e Mac App Store.

JPEG - 67.4 KB
AR-K chega agora a Steam con gráficos mellorados, unha nova interface e numerosas melloras que animan a xogar esta aventura de misterio e humor dende o principio

PUBLICIDADE