O xogo de realidade aumentada de Iron Man non chegará até maio

venres, 17 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Para reafirma que estamos en tempada de retrasos, tras anunciarse os cambios de datas de Final Fantasy VII Remake, Marvel’s Avengers e Cyberpunk 2077, chega a xente de Camouflaj e adía tamén o lanzamento de Marvel’s Iron Man VR ao 15 de maio, asegurando que este retraso pretende contribuír a que o xogo cumpra as expectativas que hai sobre o mesmo.
Catro anuncios deste tipo na mesma semana é un claro síntoma de que estar no ano do lanzamento dunha nova xeración de consolas de videoxogos está a lastrar aos estudios de desenvolvemento, que non só están a desenvolver os xogos que lanzarán nos vindeiros meses, senón que tamén están a preparar títulos para as novas consolas, o que supón redobrar esforzos. De feito, varios estudios recoñeceron xa que durante os vindeiros meses ían someter aos seus traballadores a unha grande presión, no que en moitos casos non só supón incrementar o número de horas de traballo ao día, senón incluso quedar sen días de descanso, para así poder cumprir coas datas de entrega prometidas (que claramente eran pouco realistas, respondendo máis ás necesidades de calendario das compañías editoras que ás posibilidades dos estudios).

PUBLICIDADE