O xogo de Scott Pilgrim regresará ás tendas dixitais para celebrar o seu 10º aniversario

xoves, 10 de setembro do 2020 Marcus Fernández

A emerxencia das consolas sen unidade de disco está a reavivar o debate sobre a preservación dos videoxogos, e un grande exemplo dese problema era o xogo Scott Pilgrim vs. The World: The Game, editado en 2010 para Xbox 360 e PlayStation 3, e actualmente ausente das tendas dixitais de ambas plataformas, de xeito que non é posible adquirir o xogo dende 2014 para desgraza dos moitos seareiros da banda deseñada orixinal e da súa adaptación a pantalla grande.
Pero este beat’em up que imita a estética de xogos de 8/16 bits e conta cunha banda sonora con máis de 30 cancións orixinais de ANAMANAGUCHI vai deixar de ser vítima das súas circunstancias xa que, para celebrar o seu 10º aniversario van publicar a súa edición completa de cara ao Nadal non só para PlayStation 4 e Xbox One, senón tamén con versións para Nintendo Switch, Stadia, Windows e UPLAY+.
O xogo permítenos encarnar a personaxes como Scott Pilgrim, Ramona Flowers e Knives Chau na súa loita contra a Liga dos Ex Malvados de Ramona a través de niveis moi variados que fixeron que este título conseguise unha consideración como xogo de culto á altura do cómic no que se inspira.

Tráiler de anuncio de Scott Pilgrim vs. The world - The Game - Complete Edition

PUBLICIDADE