O xogo de Scott Pilgrim está de volta

mércores, 13 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

O anuncio de que o xogo Scott Pilgrim vs. The World: The Game editado en 2010 para Xbox 360 e PlayStation 3 ía volver a tendas físicas e dixitais adaptándose ás novas máquinas foi unha sorpresa moi agradable, xa que o título era un dos exemplos do inxusta que pode ser a publicación dixital de xogos (pois a retirada da venda pode supor a imposibilidade de xogar ao mesmo no futuro). Aínda que o lanzamento oficial do xogo está previsto para mañá, cando sairá á venda en Stadia, PC, Nintendo Switch e PlayStation 4, hoxe mesmo xa está á venda na súa versión para Xbox One.
Este xogo inspírase nos clásicos beat’em up que tanto éxito tiveron nos salóns recreativos de finais dos 80 e primeiros dos 90, baseándose na banda deseñada de Scott Pilgrim e na súa adaptación cinematográfica, de aí que conte cunha banda sonora de luxo interpretada por Anamanaguchi (que estes días incluso está a reeditarse en disco de vinilo).
Este relanzamento é un xeito ideal de celebrar os décimo aniversario do xogo, que de seguro que vai sorprender a moitos, e que por fin vai estar dispoñible tamén en formato físico, polo que os coleccionistas poderán atesourar este título por se algún día volve desaparecer das tendas dixitais.

JPEG - 199.6 KB
O xogo acadou unha condición de mito tal que incluso pode mercarse nunha completa versión para coleccionistas que custa 139,99 dólares (115 euros).

PUBLICIDADE