O xogo SimCity</Em> rexurdirá para PC en 2013

mércores, 7 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Lucy Bradshaw anunciou a volta de SimCity ao PC durante a GDC 2012

A pasada noite no contorno da Games Developers Conference tivo lugar un evento chamado EA Game Changers no que Lucy Bradshaw anunciou que o ano que vén a franquía SimCity vai volver ao PC, nun xogo que vai incluír moitas novidades, no que podería entenderse como unha actualización do xogo aos tempos actuais.
Este novo título, coñecido por moitos como SimCity 5 (aínda que o seu nome oficial será simplemente SimCity) está a ser desenvolvido polo estudo EA Maxis, e ofrecerá uns gráficos tridimensionais moi coidados, dirá adeus as estradas sempre rectas e contará cunha característica chamada Social Flow que indica que o que realicemos na nosa cidade terá repercusións noutras poboacións (e viceversa) pois o seu mundo terá recursos limitados.
SimCity será así un título de peso e non un simple xogo de Facebook (aínda que tamén contará con elementos multixogador, de xeito que tanto podemos axudar como prexudicar ás cidades veciñas), no que volverase á esencia da simulación urbana propia da saga, potenciada polas posibilidades dos ordenadores actuais. O xogo propón que creemos cidades únicas cada vez que xoguemos, especializándoa nun sector, de xeito que podemos optar por enchela de casinos para que viva do turismo, de escolas para que sexa un enclave académico ou de fábricas para convertelo no motor industrial da rexión.


Trailer de presentación de SimCity

O xogo permitirá a especialización das cidades