O web:tv amosa as súas prestacións en varios centros comerciais galegos

martes, 13 de decembro do 2011 Marcus Fernández

O dispositivo web:tv é unha solución moi completa para a reprodución multimedia e para achegar a Internet ao televisor, ofrecéndose dende Blusens como un produto completo e sinxelo, que entre as súas características está o contar con sintonizador de TDT de alta definición (o que facilita tanto a gravación da programación televisiva como o uso da función de pausa en directo). Tamén conta con prestacións moi atractivas como permitir reproducir a reprodución multimedia a través dun ordenador, tablet ou smartphone conectado por Wi-Fi ou un completo catálogo de aplicacións que facilitan o acceso a medios de comunicación e a distintos servizos audiovisuais en liña.
Como para coñecer todos estes detalles, e se o web:tv se axusta ás nosas necesidades, o máis recomendable é probar o trebello en vivo, o que poderá facerse dende esta semana ata o 14 de xaneiro a través dun Roadshow organizado por Blusens que pasará, entre outras, polas cidades galegas de Pontevedra (no Carrefour Planet), Vigo (nos centros de Alcampo) e A Coruña (en Marineda City). Alí, os interesados en coñecer de primeira man as posibilidades que abre un televisor conectado á Internet poderán comprobalo in situ, á vez que coñecen as últimas actualizacións do produto estrela da galega Blusens, que agora pode adquirirse por só 129 euros.

PUBLICIDADE