O visor do Expediente Xudicial Electrónico rexistrou máis de 58.300 consultas no que vai de ano

mércores, 18 de setembro do 2019 Redacción

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou hoxe en comisión parlamentaria que Galicia ten en marcha todas as pezas do Expediente Xudicial Electrónico grazas as medidas que se veñen desenvolvendo desde 2009. Así, cun investimento que suma máis de 50 millóns entre os 23 millóns do primeiro Plan Senda 2009-2014 e o actual Plan Senda 2020, que conta cun orzamento de 26 millóns, xa se puxeron en marcha distintas actuacións para acadar o papel cero na Administración de Xustiza.
O uso do visor do expediente xudicial electrónico, unha ferramenta implantada na totalidade dos órganos xudicias galegos que permite ao persoal xudicial acceder á información de forma electrónica, estase a incrementar de forma progresiva. O director xeral de Xustiza expuxo que no que vai de ano realizáronse máis de 58.300 consultas. Só no mes de xullo houbo máis de 7.000 visitas, o que supón case o dobre que no mesmo mes do ano pasado.
Os expedientes en formato electrónico albérganse no Repositorio Unificado Xudicial, a pedra angular da que se serven as novas aplicacións e servizos dixitais ao centralizar nun único punto toda a información xerada en calquera órgano xudicial e no que se poden consultar ata dez millóns de procedementos.
O incremento do uso da sinatura dixital está directamente relacionado co aumento de órganos xudiciais habilitados con esta funcionalidade. Na actualidade, son 143 os órganos que contan con este mecanismo a través do cal se poden asinar sentencias e documentos online coa mesma validez que en papel. O ano pasado asináronse dixitalmente case un millón de documentos por esta vía.
Ademais, a integración da sinatura dixital co sistema de xestión procesual Minerva que empregan xuíces, letrados e funcionarios e co Fortuny para a Fiscalía facilita un maior uso da sinatura electrónica. Os fiscais xa teñen asinados 42.000 documentos electrónicos a través do sistema Fortuny.
Xunto coa extensión da sinatura dixital outra das medidas da implantación do Expediente Xudicial Electrónico son as comunicacións telemáticas entre os operadores xurídicos, a través da ferramenta Lexnet. Durante estes anos leváronse a cabo máis de 35 millóns de comunicacións con este sistema, cunha media mensual de 600.000.
Os galegos poden presentar online, a través da sede xudicial electrónica, procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa a intervención dun avogado ou procurador. A medida está activada en todos os partidos xudiciais da comunidade e no que vai de 2019 presentáronse máis de 500 escritos iniciadores por esta sede.
O director xeral de Xustiza tamén explicou que o sistema de gravación de vistas coa sinatura dixital eFidelius funciona no 90% das salas de vistas e, ademais, estase a poñer en marcha a dotación progresiva de salas de vistas dixitais. Na actualidade hai dez que poden considerarse salas dixitais e este ano incorporaranse outras 30.
A totalidade das sedes xudiciais de Galicia tamén conta con sistemas de videoconferencia e esta rede incrementouse o ano pasado con 10 novos equipos ata contar con case un cento de dispositivos.
A Xunta está a traballar ademais na renovación dos equipos dos postos de traballo, tanto de equipos de sobremesa, como de portátiles, o que permitiu reducir a antigüidade dos ordenadores de cinco a tres anos.

PUBLICIDADE