O videoxogo de Blacksad chega por sorpresa a PS4 e Xbox One

martes, 5 de novembro do 2019 Marcus Fernández

A banda deseñada de Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido, Blacksad, gañadora de 2 premios Eisner e considerada unha das mellores obras de autores españoles (aínda que editada pola francesa Dargaud), leva preto de tres anos adaptándose a videoxogo por parte de Péndulo Studios, e esta aventura con gráficos tridimensionais que tiña previsto o seu lanzamento para o vindeiro 14 de novembro, chegou por sorpresa nas súas versións para Xbox One e PlayStation 4, de xeito que para a data antes mencionada quedan simplemente as versións físicas do xogo e a de PC (mentres que a de Nintendo Switch non chegará até o día 28).
Blacksad: Under the Skin é unha aventura ambientada nunha cidade de New York nos anos 50, nun mundo alternativa habitado por animais antropomorfos. O protagonista é o detective felino John Blacksad, que neste ocasión recibe o encargo de Sonia Dunn, herdeira dun club de boxeo, de investigar a desaparición da nova promesa Bobby Yale. O caso leva ao investigador a sombríos recantos para investigar ao seu xeito un misterio que parece sacado das páxinas da banda deseñada na que se inspira, aínda que realmente estamos ante unha historia totalmente orixinal.
Este xogo está dispoñible en español, francés, inglés, italiano e alemán, e ten unha grande forza narrativa, combinando a súa xogabilidade investigación, quebracabezas, quick time events e diálogos con múltiples opcións, afectando as decisións ao desenvolvemento do personaxe e ao remate da historia.
Blacksad: Under the Skin ten moitas bazas para converterse no xogo español máis importante do presente ano, e parece razoable pensar que, de conseguir unha boa recepción, dará pé a novas entregas desta nova saga que recupera todo un clásico das viñetas.

Vídeo no que podemos ver como é a xogabilidade do xogo

PUBLICIDADE