O uso da web do SERGAS por parte da cidadanía medra un 51%

martes, 16 de abril do 2019 Redacción

Semella que o uso das novas tecnoloxías para cuestións relacionadas da saúde xa é unha realidade que en maior ou menor medida abrangue a toda a poboación. Ou sexa, que indirecta ou indirectamente (a través nosa ou de familiares e amigos), todas e todos estamos na Rede para establecer consultas, facer trámites ou solicitar información. Segundo informou o Sevizo Galego de Saúde, a cifra de persoas que accederon durante o ano pasado á súa web, www.sergas.es e www.sergas.gal, foi de 2.260.449 persoas. Isto significa un medre do 50,8% con respecto ao ano anterior.
Asemade, o número de páxinas consultadas nese mesmo período de tempo foi de 18.545.378, preto de 6,5 millóns máis que no ano 2017.
Por servizos concretos, un dos apartados máis utilizados polos usuarios ao longo do pasado ano foi o da cita previa de atención primaria, que rexistrou máis de 1,6 millóns de visitas. Amais, tamén experimentou importantes taxas de seguimento a sección de recursos humanos, que rexistrou o pasado ano en total máis de 2,3 millóns de visitas, sendo o emprego público e a oficina profesional de expediente electrónico os apartados máis consultados.

PUBLICIDADE