O ultraportátil Sony VAIO W sairá este verán

martes, 7 de xullo do 2009 Marcus Fernández

A xente de Sony parece que as pensou mellor despois do lanzamento do seu portátil VAIO da Serie P, que resultou ser un produto que pese a contar cun deseño moi elegante, resulta moi pouco práctico por funcionar bastante mal co sistema operativo que incluía de serie e por ter unha pantalla ultrapanorámica que non se adapta ao usos que se fan habitualmente cun ordenador (onde o espazo en vertical é moi necesario). Así, agora chegan co seu Sony VAIO W, un ultraportátil con pantalla de 10,1 polgadas e unha resolución de 1.366 x 768 píxeles, que funciona cun procesador Intel Atom N280, 1 Gb de RAM, 160 Gb de disco duro, Wi-Fi, Bluetooth, lector de tarxetas de memoria, saída VGA, 2 portos USB 2.0, Ethernet e webcam.
Este equipo venderase en 3 cores (rosa, branco e marrón), incluirá batería de 3 celas (con opción de 6 celas), terá Windows XP preinstalado e poderase adquirir nos EE.UU. por uns 500 dólares (356,62 euros), agardándose a súa chegada ás tendas para mediados de agosto.
Como curiosidade, podemos comentar que Sony parece evitar chamar ultraportátil ou incluso netbook ao seu novo equipo, que define coma «mini portátil», deixando claro que está destinado a un uso «coma segundo ordenador para levar a calquera habitación da casa para navegar pola web, comprobar o correo electrónico ou participar en redes sociais» algo que deberían ter presente os que merquen este tipo de equipos se non queren verse decepcionados.

PUBLICIDADE