O último reloxo deportivo de Garmin integra notificacións do móbil

mércores, 1 de outubro do 2014 Marcus Fernández

O novo reloxo deportivo de Garmin é compatible coa aplicación Garmin Connect para iOS e Android, pero tamén pode sincronizarse co smartphone para recibir notificacións

Os reloxos deportivos están aínda moi lonxe de estar mortos, pese á emerxencia dos smartwatches e, de feito, atrévense a achegar posturas, ao igual que hai cámaras fotográficas que optan por integrar conectividade sen fíos para competir cos smartphones en certos usos. Temos así que Garmin presenta o seu novo reloxo de referencia, o Forerunner 920XT, que non se limita a axudar nos adestramentos multi-deporte, senón que tamén incorpora a posibilidade de conectalo cun smartphone para recibir notificacións (de chamadas, mensaxes de texto e correos electrónicos).
O Forerunner 920XT avanza en deseño sobre o seu predecesor, o modelo 910XT, conseguindo ser un 15% máis lixeiro e un 18% máis fino, á vez que conta cunha correa flexible e cómoda e unha pantalla a cor, característica que non lle impide poder gozar dunha autonomía de 24 horas co GPS activado e até 4 semanas como reloxo co Bluetooth e o monitor de actividade activado (algo do que poucos smartwatches poden presumir actualmente). Tamén conta cun modo Ultra Trac que permite alonga a autonomía até 40 horas sen deixar de estar conectado aos satélites.
Este reloxo pode funcionar como un monitor de actividade diaria, gardando un rexistro dos pasos que se dan cada día, das calorías que se gastan, das distancias que se percorren... chegando incluso a vibrar para lembrar ao usuario que precisa moverse máis os días nos que está menos activo. Na liña doutros dispositivos cuantificadores de actividade, o Forerunner 920XT tamén pode monitorizar o sono.
Pero a principal funcionalidade deste novo dispositivo é o seu uso como reloxo multi-deporte, podendo empregarse durante a práctica de actividades como correr, nadar ou ir en bicicleta, sendo capaz de monitorizar a natación tanto en piscina como en augas abertas, ofrecer datos de pendente e desnivel cando facemos ciclismo (sendo compatible tamén con sensores de velocidade, cadencia, pulsímetros...) e incluso pode axudar a manter o ritmo das nosas zancadas correndo.
Un trebello realmente completo, que chegará ao mercado en cores negra/azul e branca/vermella a prezos que nos EE.UU. parten dos 449,99 dólares (356,63 euros) aos que habería que engadir 50 dólares de adquirirse cun monitor de ritmo cardíaco. En España aínda tardaremos unhas poucas semanas en ver os novos reloxos nas tendas.

O Garmin Forerunner 920XT soporta auga até 50 metros de profundidade


Vídeo promocional do Garmin Forerunner 920XT

PUBLICIDADE