O torneo de videoxogos de Nadal do Concello de Ourense celébrase este ano en liña

venres, 18 de decembro do 2020 Redacción

A Concellería de Xuventude de Ourense retomará este Nadal o seu Torneo de Videoxogos (TMV), unha competición que este ano, por mor da situación actual producida pola COVID-19, será en formato virtual e online. Nesta convocatoria segura realizaranse dous torneos fixos no catálogo de todos os xogadores, o FIFA 21 e o Fortnite. Celebraranse dende o sábado 26 ao mércores 30 de decembro en horario de 19.00 a 21.30 horas.
Os torneos, dirixidos a mozos e mozas de 10 a 35 anos (ambos incluídos) serán retransmitidos de maneira íntegra a través das canles de Twitch e Youtube.
Segundo informa o Concello, este programa municipal pretende instalar pautas de ocio creativo que fomenten o desenvolvemento persoal a través do xogo, pero tamén “fomentar as actividades de lecer positivo na situación actual que estamos a vivir”.
As inscricións xa se poden facer a través dun formulario en liña habilitado na web municipal.
A Concellería de Xuventude aposta pola organización dun evento con estas características, “que non só suporá unha actividade de lecer senón que tamén facilitará a participación de centos de participantes de diferentes lugares”.

PUBLICIDADE