O teclado Corsair Galleon 100 SD integra un Stream Deck

mércores, 11 de febreiro do 2026 Redacción

Corsair, a compañía propietaria da marca Elgato, ultima a comercialización do teclado mecánico de alto rendemento Galleon 100 SD, que destaca por integrar un sistema Stream Deck completo no propio dispositivo. O produto está dispoñible en reserva cun prezo recomendado de 349,99 euros, con envíos previstos a partir de mediados de mes (a alta demanda podería provocar adiamentos puntuais).
O Corsair Galleon 100 SD nace como resposta a unha demanda recorrente da comunidade: combinar nun único periférico as prestacións dun teclado gaming profesional co control avanzado que ofrecen os dispositivos Stream Deck de Elgato. O elemento diferencial do teclado é a integración dun Stream Deck completo no seu corpo. Incorpora doce teclas LCD programables que permiten executar accións, abrir cartafoles ou cambiar de perfil cun só toque. A maiores, conta con dous discos de control con función de pulsación, orientados a realizar axustes rápidos e precisos.
A información móstrase nunha pantalla a cor de 720 x 1080 píxeles, que permite visualizar estatísticas en tempo real ou indicadores clave sen abandonar a partida. Toda a configuración realízase a través da aplicación Stream Deck, que funciona en segundo plano cun impacto mínimo no sistema.
No ámbito dos videoxogos, o sistema facilita desde accións rutineiras ata secuencias complexas cunha única pulsación: activar habilidades, executar combinacións ou xestionar inventarios sen recorrer a menús nin memorizar atallos de teclado.
O Stream Deck integrado tamén permite controlar aplicacións e servizos habituais como Spotify ou Discord, xestionar periféricos ou supervisar parámetros do sistema (rendemento, batería ou niveis de micrófono).
Aparte desta integración, o Galleon 100 SD mantén especificacións propias dun teclado competitivo. Está impulsado pola tecnoloxía AXON con sondaxe de ata 8.000 Hz, o que permite transmitir as pulsacións ata oito veces máis rápido que os teclados convencionais, reducindo ao mínimo a latencia.
Inclúe tamén xestión FlashTap SOCD, pensada para optimizar a resposta ante entradas direccionais opostas e favorecer movementos máis limpos e precisos en situacións críticas. Os interruptores MLX Pulse, previamente lubricados, están axustados para ofrecer unha actuación rápida e suave cunha resposta táctil equilibrada.
O conxunto complétase cunha estrutura de aluminio para maior estabilidade, sistema de montaxe con xunta (gasket mounting), capacidade hot-swap para substituír interruptores e seis capas internas de amortecemento acústico que buscan mellorar a experiencia de escritura. A nivel estético, integra iluminación RGB configurable e soporte para personalización a través de Corsair Web Hub.

Vídeo promocional do novo teclado de Corsair