O supercomputador do CESGA bate a marca mundial de resolución de incógnitas

martes, 12 de agosto do 2008 Raquel Noya

Luis Landesa (Universidade de Estremadura) e Fernando Obelleiro (Universidade de Vigo) nas instalacións de Finis Terrae no CESGA

Un grupo mixto de investigadores das Universidades de Extremadura e Vigo xunto con técnicos do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vén de resolver un problema electromagnético de 150 millóns de incógnitas empregando para iso o superordenador Finis Terrae instalado no CESGA.
A cifra da anterior marca mundial (a cargo dun grupo de investigadores turco) estaba en 85 millóns de incógnitas, cantidade que os españois superaron de xeito rotundo sen empregar nin a metade dos 142 nodos cos que conta o Finis Terrae.
Este inverno, os científicos seguirán traballando para superar este reto e teñen a perspectiva de acadar os 250 millóns de incógnitas, tamén grazas ao soporte do supercomputador do CESGA.
A aplicación empregada no reto (HEMCUVE++) é o resultado dun proceso de desenvolvemento continuado do equipo investigador, iniciado no ano 1999 a través dun proxecto financiado por NAVANTIA. O obxectivo puido cumprirse grazas á estreita colaboración existente entre os investigadores e os técnicos responsables do Finis Terrae. Para abordar esta simulación foi necesario empregar tan só 64 dos seus 142 nodos, o que equivale a 1024 núcleos de proceso e 5,4 Terabytes de memoria RAM. Os cálculos completáronse en 6 horas, das que 3 horas e media foron empregadas na inicialización do algoritmo.
Entre outras cousas, este record abre a porta á aplicación do electromagnetismo computacional en campos como a biomedicina (imaxes radar para detección de tumores, influencia de terminais móbiles no corpo humano, etc.), deseño de metamateriales (materiais artificiais con propiedades electromagnéticas inusuais, con gran importancia na creación de superlentes ou paneis de invisibilidade), ou o desenvolvemento de radares de penetración terrestre para a detección de minas antipersona, estruturas xeolóxicas no subsolo.
O investigador da Universidade de Vigo Fernando Obelleiro destaca que “o Finis Terrae é unha máquina estupenda para este tipo de reto. Aínda que existen máquinas máis potentes, a arquitectura de Finis Terrae é idónea para a nosa aplicación”.
O equipo está composto polos investigadores Fernando Obelleiro e José Luís Rodríguez da Universidade de Vigo e por Luís Landesa e José Manuel Taboada da Universidade de Estremadura.

PUBLICIDADE