O supercomputador Finis Terrae inaugurouse oficialmente

venres, 13 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Emilio Pérez Touriño visitando as instalacións do CESGA

Onte inaugurouse oficialmente en Santiago de Compostela o supercomputador galego Finis Terrae, que é un dos equipos con máis memoria compartida de Europa (conta con 390.000 Gb de disco e 1.000.000 Gb na libraría robotizada de cintas), que prestará servizos de cálculo intensivo e comunicacións aos investigadores do CSIC e a comunidade científica en xeral, especialmente nas áreas da nanotecnoloxía, ciencias da vida, ciencias do mar, novas enerxías e supercomputación.
O novo supercomputador, sito no Centro de Supercomputación de Galicia, leva un tempo traballando en probas, e a súa posta de longo celebrouse co gallo dunha xornada técnica no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas. Distintas autoridades encabezadas polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, visitaron as instalacións do CESGA, e o Centro Galego de Arte Contemporánea acolleu un acto de presentación oficial.
Tamén asistiu o novo director do CSIC, Rafael Rodrigo; o secretario de Estado de Innovación, Carlos Martínes; representantes da Xunta e de empresas coma HP e Intel; e os responsables do CESGA, indicando o seu director, Javier García Tobío, que o novo superordenador xa resolveu uns 20.000 problemas, detallando tamén que está baseado fundamentalmente en software libre.

PUBLICIDADE