O spam de medicamentos segue a permitir o acceso a drogas de xeito doado e sen receita
mércores, 19 de setembro do 2007
A revista en liña Science Daily vén de publicar
nun artigo no que se indica que grazas ó pulo das farmacias virtuais e ó
emprego de mensaxes de spam para ofrecer medicamentos
á comunidade de internautas, a Rede está a permitir que os usuarios de Internet
poidan mercar de xeito moi doado drogas que só se comercializan baixo estrita prescrición
médica. Tal e o caso do Valium e Xantax, na categoría dos calmantes; o
Tramadol, un analxésico derivado do opio; o Meridia, usada no tratamento da obesidade;
e o sempre presente Cialis, dedicado á cura dos trastornos sexuais.
Os autores do estudo, Peter Gernburd e
Alejandro Jadad da Universidade de Toronto aseguran que “na medida na que un crecente número de persoas recorran á Rede para
mellorar a súa saúde e o seu nivel de vida, o comercio virtual medrará en
concordancia coa devandita demanda, xa que este estudo vén de amosar que a
lexislatura vixente e os controis non poder evitar o fluxo de medicamentos polo
mundo”.
Cómpre salientar que entre os resultados obtidos polo informe resultou que o spam deste tipo de produtos acada un terzo de todas as mensaxes lixo distribuídas na Rede.