O software libre toma a palabra o día 26, coa celebración de FLISoL A Coruña

martes, 15 de setembro do 2020 S. P.

O vindeiro sábado 26 de setembro vaise celebrar en formato online a edición 2020 do evento FLISoL A Coruña, un encontro directamente encamiñado a mostrar achados e contribucións en materia de software libre e a deixar espazo aberto, sen atrancos, para o intercambio de recursos e coñecemento. A xornada contará con diferentes charlas relacionadas co mundo do software libre e a cultura sen cancelas. Segundo fai saber a organización, achegarase a máxima interactividade cos internautas, que poderán enviar preguntas e comentarios aos participantes nas charlas a través de chats e audio-conferencias.
O FLISoL é o evento de difusión de software libre máis referencial no ámbito latinoamericano e está dirixido a un amplo abano de destinatarios (estudantes, académicos, empresarios, traballadores, funcionarios públicos, seareiros dos programas e das tecnoloxías libres, etc), abranguendo dende expertos avanzados en programación até usuarios con niveis básicos de coñecemento informático.
O FLISoL, no que podemos participar de xeito gratuíto, ten a finalidade de impulsar o software libre, dando a coñecer ao público, segundo reflicte o portal Mancomún, “a súa filosofía, alcances, avances e desenvolvemento”.
Nas charlas previstas para esta edición falarase, entre outras, das seguintes cuestións:
– De Markdown á nube.
– Explorando Pandoc.
– Presentacións con LaTeX e ferramentas web.
– Android: O manexo da terminal e a instalación dunha distribución de GNU/Linux sen necesidade de root.
– COVID-19. Elaboración de informes con QGIS.
– O meu robot aspirador chama a China!
– O meu móbil me espía? A difícil tarefa de escapar do capitalismo da vixilancia.
– Platformio, unha contorna libre de programación de microcontroladores.
– Soberanía dixital para a defensa dunha cidadanía global: o caso de Enxeñería Sen Fronteiras.

PUBLICIDADE