O smartwatch de Alcatel será compatible con iOS e Android

luns, 5 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Chegou o CES a Las Vegas, e finalmente puido verse fisicamente o smartwatch de Alcatel, e as sensacións da prensa especializada parecen bastante positivas, considerándoo como un Moto 360 de baixo custo, xa que este novo reloxo de pulso terá un prezo de só 149 dólares (resultando máis económico que os dispositivos con Android Wear actuais) e coa vantaxe de ser compatible co iOS, o que converterao nunha excelente opción para os que non queiran realizar un grande investimento nun dos futuros Apple Watch.
Este interesante reloxo de pulso contrólase a través dunha aplicación para Android ou iOS, dende a que podemos elixir as aplicacións que enviarán notificacións (con menos opcións no caso do iPhone polas limitacións impostas por Apple), consultaremos os datos sobre a nosa actividade física que o dispositivo rexistre (ciclos do sono, pasos, distancia percorrida, calorías queimadas..), poderemos configurar a aparencia do software do dispositivo e administrar os xeitos nos que o reloxo se comunicará co teléfono.
O Alcatel Onetouch Watch ten unha interface táctil de vivas cores e, aínda que non responde coa fluidez dun dispositivo con Android Wear, é o suficientemente fluído como para converterse nun dispositivo aceptable para o grande público, destacando tamén por gozar dunha autonomía de entre 2 e 5 días, algo do que poucos smartwatches poden presumir. Poderase mercar a partires do mes de marzo a través de Amazon.


O smartwatch de Alcatel visto en vídeo pola xente de The Verge

PUBLICIDADE