O sistema de xeolocalización de Satdata adxudicado no Concello de Cidade Real
venres, 24 de outubro do 2008
O Concello de Cidade Real vén de comunicar que os
vehículos do seu servizo municipal de limpeza levan incorporado, dende hai un
par de semanas, o sistema de xestión e localización
galego Satdata, o que lle permite coñecer con exactitude a posición e a
actividade diaria dos vehículos e levar así un “control exhaustivo e real” da limpeza da cidade.
O concelleiro de Sosteñibilidade da devandita cidade
manchega, Juan Caballero, comentou perante os medios de comunicación que “este innovador sistema lle permite optimizar
os recursos municipais e mellorar os servizos ofrecidos aos seus cidadáns” e
engadiu que, aínda que Cidade Real é un núcleo urbano limpo, “todo o que se faga por melloralo estará
ben empregado”.
O sistema de localización Satdata é unha solución
de xestión e control de flotas desenvolvida integramente pola empresa galega de
I+D+i Satdata Telecom e distribuída en Castela A Mancha pola empresa de
Tornelloso Cantenet e que foi a gañadora dun concurso público convocado polo goberno
local da dita cidade manchega coa finalidade de instalar unha solución destas
características nos 19 vehículos que conforman o parque móbil da área de
limpeza municipal.
Con Satdata, cada varredora ou equipo de auga leva
instalado un dispositivo conectado ó centro de control situado no consistorio,
ao que envía en tempo real as posicións exactas dos vehículos, o que permite
ver a súa localización sobre un plano da cidade. O sistema, asemade, envía
outros datos como a dirección, velocidade á que circula o vehículo, motores en
funcionamento, temperaturas, alarmas…
A solución non só permite acceder a toda esta
información en tempo real senón que ofrece a posibilidade de obter históricos
dos traballos que desenvolven os distintos equipos, algo que valoran moi
positivamente neste concello manchego.
A operación supuxo para o goberno local un importe
global de 45.000 euros e os responsables non descartan a posibilidade de
amplialo a outros servizos municipais.