O servizo bUSCatermos acubillou xa case 14.000 sesións de consulta
mércores, 10 de abril do 2013
O servizo bUSCatermos,
lanzado pola Universidade de Santiago co
obxectivo de atender as demandas lingüísticas dos usuarios alleos á
institución educativa USC, atesoura xa seis meses de actividade,
dende a súa apertura en consulta libre o pasado 1 de outubro, intre
a partir do cal, calquera de nós tivo a oportunidade de acceder a
toda a información deste banco de termos, só con dispor dunha
conexión a Internet. Este medio ano de vida
serviu aos seus
responsábeis para lanzar unha
serie de conclusións acerca da actividade xerada polo
servizo. Por
exemplo: que canto menos atrancos haxa para que os internautas
interactúen cos recursos lingüísticos existentes (eliminando
intermediarios como atencións telefónica ou por correo
electrónico), acadarase máis utilidade, participación e
repercusión. As cifras de bUSCatermos (que ofrece máis de 155.000
rexistros e 450.000 denominacións en distintas linguas) así o
confirman.
Segundo nos contan, o servizo acubillou nos
seis primeiros meses de actividade un total de 5.704 visitantes
únicos, que realizaron un total de 13.803 sesións de consulta e accederon a
56.991 páxinas. “Isto supón unha media de
case tres visitas por visitante, e un pouco máis de catro páxinas vistas por
visita”, informan. Con todo, engaden, os datos medios non representan ben o uso efectivo de bUSCatermos durante
este semestre. E explican: “Os dous primeiros meses foron para moitas persoas
un período de probas que produciu un alto número de accesos ocasionais (3.758
visitantes e 7.182 visitas que consultaron 26.398 páxinas); pero a partir de
decembro xa se acadou a que parece ser a velocidade de cruceiro da ferramenta,
cuantificable nuns 700 visitantes únicos ao mes, que fan arredor de 1.700
visitas no transcurso das cales se procuran unhas 8.000 páxinas”.