O servizo Doafund.com faise máis transparente e intuitivo

luns, 2 de decembro do 2013 Fernando Sarasketa

Doafund, o servizo que permite axudar mediante doazóns en liña a familias de todo o Estado en risco de desafiuzamento, vén de ser obxecto dunha serie de importantes remodelacións, destinadas a achegar máis claridade nos contidos e traballos desenvolvidos e tamén un emprego máis doado de todo que acubilla. Segundo sinalan os responsábeis desta plataforma, os galegos Fernando Sierra e Luis Jiménez, “a nova web é máis transparente e intuitiva, facilitando a navegación e permitindo aos patrocinadores coñecer ás familias que axudan dun xeito máis sinxelo”. Por exemplo, a través da liña temporal que atoparán en cadanseu perfil.
Dende Doafund.com, convidan aos seus visitantes habituais e aos que chegan por vez primeira a visitar a nova páxina e achegar unha sincera opinión sobre os cambios aplicados, a través da conta info@doafund.com.
Como lembraremos, a iniciativa Doafund.com foi posta en marcha para habilitar na Rede un acubillo onde apadriñar fogares en risco de desafiuzamento, sobre todo por mor do labor incansábel dos bancos (en boa medida culpábeis, de xeito paradoxal, de que agora moitas familias estean nesa situación).
Doafund.com non é exactamente un servizo posto en marcha por unha ONG, senón unha mestura de moitas cousas diferentes, achegando un carreiro a seguir para outras iniciativas semellantes que, sen renunciar ao beneficio económico, traballen ao mesmo tempo, declarada e notoriamente, a favor da sociedade. Estamos pois ante un híbrido entre empresa, ONG anti-crise e comunidade 2.0, que bota man da metodoloxía para xuntar forzas nas redes: a metodoloxía do crowdfounding.

PUBLICIDADE