O segundo programa e_Destrezas achega dez cursos de capacitación TIC para a comunidade universitaria viguesa

xoves, 17 de setembro do 2020 S. P.

O programa de formación e_Destrezas volve este ano cun amplo feixe de actividades para fomentar as competencias dixitais da comunidade universitaria da UVigo. A iniciativa, impulsada pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, o Consello Social da Universidade de Vigo e o Santander, virá tamén marcada pola COVID-19, que impediu que o pasado se puidese impartir parte do programa inicialmente previsto e que motivou un fortalecemento da vertente online desta segunda convocatoria. Os cursos, a desenvolver maioritariamente en liña, comezan en outubro a través do Campus Remoto.
“Para esta edición, en base á experiencia do primeiro ano, vanse duplicar as edicións (unha por cuadrimestre) dos cursos que tiveron máis éxito (como Office, Excel ou Matlab), manter aqueles que tiveron boa acollida e eliminar os que non tiveron a resposta esperada e que foron substituídos por outras propostas que xurdiron ao longo do curso pasado”, explica Nacho Armesto, director da Área de Extensión Universitaria, que tamén confirma que algúns dos cursos que non se chegaron a facer por mor da COVID no último cuadrimestre, recuperaranse nesta segunda edición do programa.
e_Destrezas iniciará a súa segunda edición o vindeiro 1 de outubro co curso de Fundamentos de deseño gráfico con Illlustrator e Photoshop, que se prolongará ata o vindeiro 19 de novembro. A axenda inclúe outras actividades de gran interese como Iniciación ás bases de datos con Access e Introdución a Raspberry Pi: de centro multimedia a domótica persoal.
En total son dez os cursos programados para os vindeiros meses, nos que a formación se desenvolverá de xeito presencial a través do Campus Remoto e tamén, no caso dalgún deles, con horas de formación non presenciais. “Dada a situación na que nos atopamos, nesta segunda edición de e_Destrezas preferimos non arriscar a cancelación de cursos e apostar pola docencia síncrona a través de Campus Remoto. Algúns cursos incorporan horas de traballo autónomo, asíncrono (tarefas que se fan fóra de tempo de clase), xestionado mediante as plataformas Faitic e Moovi”, engade Armesto, que tamén explica que no caso dos cursos máis prácticos decidiuse manter un número mínimo de sesións presenciais, “pola súa natureza máis práctica/física e que se desenvolverán no Campus de Vigo en salas aínda por determinar”.Cara ao segundo cuadrimestre está previsto continuar coa oferta formativa con cursos que xa se impartiron na primeira edición do programa, así como outros novos, centrados en cuestións como a edición de vídeo e son dixital para web, Python ou deseño CAD con Autocad.

PUBLICIDADE