O segundo capítulo de Aquí medra a lingua amosa o modelo lingüístico do CPI da Saleta de Cea

luns, 28 de marzo do 2022 S. P.

O proxecto Aquí medra a lingua, webserie do Consello da Cultura Galega destinada a mostrar proxectos escolares de dinamización lingüística, vén de engadir o segundo dos seus capítulos. Trátase de Reforzar o propio e céntrase na experiencia do CPI Virxe da Saleta de Cea, centro que xunta alumnos de infantil e da ESO.
No audiovisual móstrase a ampla variedade de propostas que se levan a cabo no centro co obxectivo de promover o galego (escape rooms, bandas deseñadas, monicreques, curtametraxes), un programa que colleu impulso en 2010 tralo incendio que destruíu parte das instalacións do CPI e o marcado rumbo de recuperación iniciado pola comunidade educativa trala desfeita. Na súa nova andaina, todos os integrantes da comunidade puxeron o foco en reivindicar o uso do galego.
Alejandro Pico, Alejandro Fernández, Santiago Rodríguez Rodríguez, Andrea Garriga Muñoz, Sandra Pérez Vilas, Francisco M. Paradelo, Carolina Blanco, Maite López Losada e David González son os participantes no segundo dos capítulos deste proxecto, dirixido por Cristina de la Torre.
O proxecto
Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG que coordina Carme Garcia Mateo, que busca amosar que as escolas son “un cómplice indispensábel na lingua galega e da súa transmisión”. Segundo explican, as diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas que ofrecen “un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia”. Esta experiencia audiovisual, dirixida pola valdeorresa Cristina de la Torre, está estruturada en seis capítulos que arrincaron os días pasados con O modelo Burela, e que se irán subindo semanalmente xunto cunha ficha descritiva de cada centro a un especial do web do Consello da Cultura Galega.
Comezou o 21 de marzo co IES O Perdouro de Burela e logo seguirán no IES Félix Muriel de Rianxo (4 de abril), no CEIP Barouta de Ames (11 de abril) e no CRA Nosa Señora de Ponteceso (18 de abril) para rematar o 25 de abril no CEIP Barouta de Moaña. Son seis centros que están espallados por toda a xeografía galega, que amosan as diferentes accións de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso. Ao remate, todas esas visións xuntaranse nun documental único que condensa todo o material e que ofrece unha visión realista sobre o galego na escola.

PUBLICIDADE