O seguimento dos nosos móbiles servirá para combater o coronavirus

martes, 24 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Na pasada convocatoria de prensa da ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, na que estivo acompañada polo ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciouse que para o seguimento das medidas de confinamento por mor do COVID-19 van «tratar de desenvolver elementos de intelixencia artificial para entender os desprazamentos das persoas e anticipar posibles pescozos de botella, aglomeracións e situacións de tensión» para o que captarán datos anónimos e agregados dos móbiles da poboación, comezando pola Comunidade Valenciana, na liña do que o Instituto Nacional de Estatística (INE) fixo hai uns meses para coñecer os desprazamentos dos cidadáns.
En Valencia hai un grupo de especialistas en saúde pública, software e modelos matemáticos que leva un tempo colaborando con Vodafone e Orange, polo que tras a autorización do Goberno poden retomar as súas actividades e así poder tirar proveito do seu traballo para facilitar información sobre os desprazamentos da poboación para ir traballar, os momentos nos que sae moita xente á rúa ou o impacto do peche de negocios e colexios nos desprazamentos da poboación, podendo cruzar esta información con modelos epidemiolóxicos, e así poder anticiparse á evolución da pandemia.

PUBLICIDADE