O sector turístico de Lugo coincide coa Deputación na necesidade de apostar polas TIC

mércores, 31 de maio do 2017 Redacción

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, xunto ao deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, amosaron este mércores os resultados das mesas de traballo levadas a cabo en 2017 ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo (2017-2020) da entidade provincial, que será presentado este mes de xuño. Segundo fixeron saber, logo dunha primeira fase de estudo do sector na provincia comezouse co plan de participación sectorial que incluíu entrevistas en profundidade con expertos, mesas de traballo e enquisas online. Este treito de traballo, que convocou preto de 250 axentes de todos os eidos turísticos, serviu entre outras cousas para pór de manifesto a necesidade de avanzar en recursos dixitais de promoción, comunicación e reclamo.
O Presidente lembrou que “o plan de participación sectorial deseñouse coa intención de realizar unha fase de consulta ao sector para que así todos os axentes do territorio puideran participar no deseño do Plan Estratéxico da Provincia de Lugo, xa que este plan pretende ser feito entre todos e para todos”. O seu obxectivo, recordou, é impulsar o medre e transformación do tecido turístico da provincia cara a un modelo máis competitivo, innovador, participativo e sustentábel.
Segundo fixo saber, o que resta agora, antes da presentación do Plan, é unha fase de diagnose e o establecemento dos retos e estratexias da folla de ruta.
Polo que respecta ás conclusións do plan de participación sectorial, centráronse na situación actual do sector turístico na provincia de Lugo, a identificación dos “recursos e produtos estrela”, as posíbeis actuacións de promoción e comercialización, así como a formación e profesionalización do sector.
En canto ás actuacións de promoción e comercialización, todos os axentes que participaron nas mesas de traballo e nas enquisas consideran que é preciso e moi axeitado aplicar estratexias de promoción e comercialización en liña e offline, que acubillarían, entre outros recursos, unha páxina web turística da provincia, promoción a través de redes sociais, aplicacións turísticas, asistencia ás feiras turísticas e campañas publicitarias.
Tamén se coincidiu en facer fincapé na formación e na profesionalización do sector, debendo mellorar especialmente nos seguintes ámbitos: idiomas, mercadotecnia turística e emprego de novas tecnoloxías da información.

PUBLICIDADE