O sector téxtil aposta pola aplicación de novas tecnoloxías para gañar en rendibilidade

mércores, 17 de xullo do 2013 Redacción

A arela de marcar as diferenzas está a levar ao sector téxtil galego á procura de novas vías de desenvolvemento que lle permitan incrementar a súa capacidade competitiva e o seu posicionamento no mercado. Neste contexto, as empresas de moda e confección de Galicia decidiron apostar pola innovación. A actualización dos procesos, o deseño de tecidos innovadores e a aplicación de novas solucións tecnolóxicas á xestión son as claves, a xuízo do sector, para o medre da competitividade. Así se puxo de manifesto no showroom Modelando o futuro do sector téxtil de Galicia organizado esta semana polo Centro de Excelencia de Vigo. Alberto Rocha -secretario xeral do Cluster Galego Téxtil Moda- foi o encargado de abrir a xornada realizando un achegamento ás particularidades propias do noso sector téxtil e analizando as necesidades desta industria en materia tecnolóxica.
Rocha salientou as vantaxes do efecto arrastre de Inditex e da existencia de importantes centros tecnolóxicos que colaboran co sector, pero incidiu na necesidade de apostar pola innovación no punto de venda e pola tecnoloxía aplicada á xestión integral dos negocios para poder ser competitivos.
Nesta liña, José Bahamonde -presidente de Texvigo- e Óscar Rodríguez -director de proxectos de Imatia Innovación- presentaron dous sistemas informáticos deseñados para centralizar toda a información das empresas e optimizar así os recursos, a produción, o stock e os procesos de venda. Ambos os expertos coincidiron en afirmar que se trata de mellorar os servizos reducindo os custos e aproveitando as numerosas posibilidades que achegan as novas tecnoloxías.
O desenvolvemento de novos materiais que incorporen funcionalidades que melloren a calidade de vida dos usuarios é o obxectivo de negocio de Téxtiles Intelixentes e Funcionais AITEX. O seu director de proxectos -José M. Sancristán- presentou as tecnoloxías coas que traballa actualmente a compañía para a fabricación de pezas con sensores que permiten analizar diferentes variables. Un dos proxectos levados a cabo pola compañía é o Sistema Namytex que permite previr a morte súbita do lactante cun body que mide as constantes vitais do bebé a través de diferentes mecanismos.
Coincidindo co representante de AITEX, Hélder Rosendo -subdirector xeral de CITEVE- insistiu nas oportunidades que a I+D+i ofrece ás empresas e analizou as grandes liñas que influenciarán ao sector no futuro máis próximo. Segundo afirmou, os estudos realizados confirman que as macrotendencias en produtos téxtiles pasan pola realización de pezas máis lixeiras e cómodas, con maior resistencia e durabilidade, realizadas con materiais ecolóxicos e que fagan máis doada a vida ao comprador.
Así mesmo, Lola Dopico -directora de ESDEMGA- afirmou que todos os axentes implicados nesta industria deben fomentar a formación dos deseñadores do futuro potenciando a investigación e a procura continúa da innovación.
No relativo aos procesos de fabricación, Nerea Otero -representante do Centro de Aplicacións Láser de AIMEN- compartiu cos asistentes as vantaxes que achega a aplicación de tecnoloxía láser para o corte e soldadura de pezas téxtiles. Entre outras moitas vantaxes, este sistema mellora a precisión, reduce a xeración de residuos e proporciona unha calidade extraordinaria.
Lorena Rosende -do Grupo CIMA da Universidade de Vigo- puxo en común os proxectos de I+D+i realizados polo seu grupo para Selmark co obxectivo de estandarizar a produción na compañía.

PUBLICIDADE